A CPTOPT non paralizará ningún expediente aberto contra as construccións ilegais na Illa

    A ILLA > Política Territorial asegura que contemplará a singularidade da Illa de Arousa pero non legalizará as infraccións na servidume de protección de costas. Foi a resposta do director xeral de Urbanismo ó peche iniciado onte pola plataforma A Beira do Mar e apoiada polo Partido Popular.

    ramonlueje_300_230507.jpgPara a consellería de Política Territorial, ‘resulta lamentable que en período electoral se estea utilizando o vitimismo e o oportunismo político de xeito irresponsable”. Lembrou que os 15 expedientes de reposición da legalidade foron iniciados entre os anos 1996 e 2003. Nalgúns casos estes expedientes contan con sentenzas firmes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

    Ademais, cando se realizou o deslinde marítimo-terrestre na Illa de Arousa as consellerías competentes do anterior goberno popular tampouco actuaron nin fixeron obxeccións sobre a singularidade da Illa. O director xeral de Urbanismo apuntou que os anteriores gobernos do PP aplicaron a legalidade incoando, tramitando e resolvendo os expedientes por infracción polo que non entende que agora alimenten as protestas veciñais e acusou ao PP dun “exercicio continuado de confusión e mentira”.

    O director xeral de Urbanismo, Ramón Lueje, e a delegada provincial da CPTOPT, Isabel Domínguez, explicaron hoxe en Pontevedra a situación dos expedientes sancionadores e de reposición da legalidade en materia de Costas da Illa de Arousa. Trátase de 15 expedientes urbanísticos abertos por obras sen autorización na zona de servidume do dominio público marítimo terrestre que recibiron sucesivos apercibimentos, requirimentos e ordes de paralización. 13 destes expedientes foron resoltos pola Consellería de Pesca de López Veiga, que entón tiña as competencias en materia de Costas, que agora corresponden á CPTOPT, que resolveu os dous expedientes restantes.

    Ramón Lueje indicou que “Política Territorial non é allea á singularidade da Illa, sen prexuízo de que estes expedientes, claramente irregulares, constitúen flagrantes infraccións da lexislación de Costas”. O director xeral mencionou que as construcións, moitas delas de carácter provisional, prefabricadas e de segunda residencia, invaden a franxa de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, sitúandose, nalgúns casos, incluso a 6 metros da ribeira do mar. Ramón Lueje amosouse contundente ao afirmar que moitas “teñen sentenzas firmes que deben ser executadas para repor a legalidade vulnerada”. Os responsables da CPTOPT aclararon que o pasado luns os voceiros dos grupos municipais da Illa de Arousa, lexítimos representantes dos cidadáns, estaban convocados a unha xuntanza na Dirección Xeral de Urbanismo, encontro ao que non acudiron.

    Por outra banda, a intención de Política Territorial de darlle un tratamento de singularidade urbanística á Illa, da que xa se tratou en diversas e numerosas reunións coa Corporación municipal e os veciños, foi moi ben acollida pola Dirección General de Costas e polo secretario de Estado do Territorio y la Biodiversidad do Ministerio de Medio Ambiente. De feito, o Plan de Ordenación do Litoral establecerá a necesidade de outorgar un tratamento especial para a Illa debido ás súas condicións de insularidade e as pequenas dimensións do seu territorio municipal.

    Estas particularidades non impiden, segundo subliñou Ramón Lueje, “que as situacións irregulares e de ilegalidade poidan permitirse polo que os procesos abertos deben ser culminados, xa que a lei debe ser igual para todos”. En ningún caso o Plan de Ordenación do Litoral poderá servir para legalizar infraccións na servidume de protección de Costas. A preguntas dos xornalistas, o director xeral de Urbanismo indicou que a situación destes 15 expedientes na Illa de Arousa non é comparable coa dos núcleos tradicionais de Marín. Neste último caso as construcións para as que a CPTOPT e o Ministerio de Medio Ambiente iniciaron de oficio un procedemento para o seu recoñecemento son asentamentos tradicionais que xa existían con anterioridade á entrada en vigor da Ley de Costas estatal no ano 1988.

    No caso de Marín, as Normas Subsidiarias de Planeamento, de 1977 e aínda hoxe vixentes, clasificaban como solo de núcleo rural estes asentamentos tradicionais, aínda que non os delimitaba. Por contra, no caso da Illa de Arousa, a maioría do solo está clasificado, tanto antes como despois da entrada en vigor da Ley de Costas, como rústico. “Unha diferenza substancial”, concluíu Lueje.

    Redacción Salnés