En marcha a Feria de Oportunidades de Cambados con estritas medidas anti-covid

CAMBADOS> O comercio de Cambados saca os seus produtos á rúa. Hoxe comezou a Feira de Oportunidades organizada polo concello e a asociación Zona Centro. Durante a fin de semana, preto dunha trintena de establecementos ofrecerán os seus artigos con interesantes descontos. Todo, ademais, con estritas medidas para garantir a seguridade sanitaria.

Longas colas para acceder ao Paseo da Calzada e esixentes medidas para garantir a seguridade sanitaria. Esta é a estampa que nos deixou o inicio da Feira de Oportunidades de Cambados.

Control de aforo, circuíto diferenciado de entrada e de saída, toma de temperatura e, por suposto, máscara obrigatoria e xel hidroalcohólico son as medidas coas que tanto o concello como Zona Centro queren evitar calquera risco de contaxio.

Nesta edición da feira participan 28 comercios, a gran maioría de Cambados. Os descontos poden chegar ata o 80% nunha ampla variedade de produtos. E é que para os comerciantes, esta é unha excelente oportunidade para mover o stock que quedou atrás pola pandemia.

Xa a primeira hora a afluenza de público era constante. Moitos animáronse a achegarse a buscar as mellores ofertas. Ademais, tanto clientes como vendedores destacaron a sensación de seguridade grazas ás medidas.

A cita prolongarase durante toda a fin de semana, cun horario continuo dende as 11 da mañá ás 11 da noite.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí