![]()
RIBEIRA > O Concello de Ribeira e o Arcebispado de Santiago de Compostela acordaron a cesión do complexo da Rectoral de Oleiros.
O alcalde de Ribeira, Xosé Luis Torres Colomer, e o ecónomo-representante do Arcebispo de Santiago, Dictino Maceira Fernández, foron os encargados de asinar este convenio no que establecen os dereitos e obrigas de ambas partes nesta pretendida cesión de uso dos terreos da Rectoral de San Martín de Oleiros .
A Igrexa é a dona da finca duns 5.200 metros cadrados que se compón de casa-vivenda, galpóns anexos e horta. A través deste acordo cédelle o uso destes espazos ó concello ribeirés para que este o destine a calquera uso cultural, deportivo, social ou recreativo.
A intención do executivo ribeirés pasa fundamentalmente por elaborar un proxecto para a recuperación da Casa Rectoral de Oleiros e do seu contorno, que permitiría ademais de rehabilitar este emblemático edificio e a zona axardinada ó seu redor, construír un parque público, con xogos infantís, unha pista polideportiva ó aire libre, unha área de aparcamento e un edificio de usos múltiples que funcionaría como local social.
Redacción Barbanza









