VILAGARCIA> O alcalde de Vilagarcía formalizou este luns a denuncia contra o home que o agrediu esta fin de semana nun local hostaleiro da cidade. O varón atacou a Alberto Varela propinándolle dous golpes nas costas e agarrandoo polo pescozo ao berro de ‘rojos de mierda’ e ‘iros de putas con Ábalos’. O socialista asegura que reflexionou sobre presentar ou non a denuncia. Asegura que o fai como xeito de chamar a atención sobre a gravidade que ten normalizar o insulto por razóns ideolóxicas e a escalada violenta que se está a producir como consecuencia.
O alcalde de Vilagarcía formalizou este luns a súa denuncia na Policía Nacional contra o home que o agrediu esta fin de semana. A agresión tivo lugar nun local hostaleiro da zona de Méndez Núñez cando o rexedor participaba no aniversario dun concelleiro do goberno local.
O agresor non é a primeira vez que amosa comportamentos agresivos e mesmo nun Pleno chegara a lanzar ameazas ao goberno local. Alberto Varela di que decidiu dar o paso e denuncialo para alertar das consecuencias de normalizar o insulto.
Fai un chamamento á reflexión sobre o clima de crispación e de incitación ao odio que promove a extrema dereita.
O socialista tamén aproveita para agradecer as mostras de repulsa a este ataque por parte dos compañeiros de partido e o resto de forzas con representación en Ravella. Tamén do resto de alcaldes da comarca de todas as cores.
E apunta que Vilagarcía é unha cidade tranquila e que esta é a primeira vez na que se producen uns feitos como estes dende a súa chegada á alcaldía no 2015.











