VILAGARCIA> O goberno local ameaza con demandar a Patrimonio se non se desbloquea este proxecto no prazo dun mes. En concreto, Ravella pídelle a ese departamento autonómico que o inmoble quede exento de necesitar a súa autorización para a súa rehabilitación. Algo que descartaba este xoves o delegado da Xunta en Pontevedra porque, lembra, trátase dun ben catalogado. Pablo Fernández lamenta a actitude do concello vilagarcián, ao que di tender a man na procura de avances.
A Casa Jaureguizar foi adquirida polo concello de Vilagarcía hai seis anos ao Plan Nacional sobre Drogas logo de ser incautada ao narcotraficante Marcial Dorado. Neste tempo, o inmoble vén arrastrando un deterioro cada vez máis evidente, inmerso en distintos trámites administrativos.
Agora, o concello de Vilagarcía dálle un mes á dirección xeral de Patrimonio da Xunta para que dea resposta ao seu último requirimento. O concello pídelle ao departamento autonómico que a reforma da casa quede exenta da súa autorización.
Algo que descartaba este venres o delegado da Xunta en Pontevedra lembrando, ademais, que ese requirimento do concello xa fora respondido. Pablo Fernández amósase sorprendido pola actitude do goberno local.
A petición de Ravella, pois, quedou denegada porque a Casa Jaureguizar é un ben catalogado e que, polo tanto, precisa da autorización de Patrimonio. Fernández téndelle a man ao goberno local na procura de avances no proceso de rehabilitación.
Pola súa banda, dende o goberno local denuncian constantes cambios de criterio por parte da Xunta nestes anos, con novos obstáculos ao concello cada vez que se cumpría un novo requisito.
Ademais, coa resposta negativa dende Patrimonio, dende o concello indican que presentarán igualmente a demanda ante o contencioso administrativo porque sosteñen que a súa petición está contemplada na lei para elementos de menor protección, como neste caso.
Entre tanto, a casa comezou xa a derrubarse sen que se poida actuar nela.











