O PP aproba en solitario as directrices impostas pola Xunta ó PXOM

    plenopobra_100_270707.jpgPOBRA > O pleno celebrado na noite de onte caracterizouse polos duros enfrontamentos entre os membros do equipo de goberno e a oposición.

    Os enfrontamentos e as disputas entre o grupo de goberno e a oposición foron unha constante na sesión plenaria celebrada onte. A primeira delas veu provocada pola normativa que regula as intervencións nos plenos. A oposición queixouse do escaso tempo para expoñe-los seus argumentos: cinco minutos para a primeira intervención e dous para a segunda. O alcalde foi estricto no novo regulamento.

    Pero aínda así o punto máis polémico do pleno estaba por chegar e este non foi outro que o número catro da orde do día, a aprobación das correccións das deficiencias impostas pola Consellería de Política Territorial ó concello pobrés para a aprobación definitiva do PXOM.

    Escaso tempo para a súa análise

    Os grupos da oposición, tanto Partido Socialista como Bloque Nacionalista Galego volveron a amosa-lo seu malestar polo pouco tempo do que dispuxeron para analizar toda a documentación. Ademais o voceiro socialista recriminoulle ó alcalde o non ter convocado un pleno extraordinario no que se abordara este punto en exclusividade dado a súa importancia.

    Planeamento para os amigos

    Tanto para o BNG como para o PSOE o PXOM non está ben elaborado e busca tan só o beneficio para uns poucos. A voceira nacionalista, Rosana Pérez, foi máis alá, ó acusar ó equipo de goberno de non facer ben as cousas dende un primeiro momento, de aí as correccións da Xunta e a tardanza na aprobación definitiva.

    Máxima legalidade

    Durante a sesión plenaria o voceiro do Partido Popular, fixo un recordatorio de todo o proceso levado a cabo polo executivo na elaboración do PXOM. Segundo el o goberno local sempre seguiu as directrices impostas dende a Xunta de Galicia. Ricardo Lago arremeteu tamén contra os membros da oposición ós que acusou de querer recortar máis aínda as posibilidades de desenvolvemento urbanístico de moitos veciños.

    Redacción Barbanza