ADEGA informa ós veciños do impacto da ampliación da planta de Seráns

    reunionadegaserans_100_270707.jpgPORTO DO SON > A Plataforma pola Defensa do Litoral de Seráns reuniuse con ADEGA para analizar o impacto do Plan Galego de Acuicultura.

    Dende o pasado 30 de xuño está a exposición pública o Plan Sectorial de Acuicultura de Galicia promovido pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos. Trátase dun documento marco que pretende o desenvolvemento económico dun sector industrial como é o cultivo de rodaballo plano en diversas plantas no litoral galego.

    Sen embargo, a aprobación deste plan, que podería realizarse a principios do ano que vén, unha vez se resolvan as alegacións presentadas, non significa o desenvolvemento de ningunha acción concreta. Unha vez en vigor o documento, as empresas contempladas neste plan terán que presentar un proxecto individual por cada unha das instalacións cos seus pertinentes estudos e informe de impacto ambiental, ós que tamén se poderán presentar alegacións.

    Mobilización social

    Deste xeito, a aprobación do plan sectorial só significa o inicio dun longo proceso pero non a posta en marcha de ningunha piscifactoría. Segundo o secretario xeral da asociación ecoloxista ADEGA, Fins Eirexas, a mobilización social é fundamental para frea-la amplicación da planta de Seráns.

    Analizando o proxecto presentado pola Xunta, o responsable de ADEGA explicou ós veciños asistentes as negativas consecuencias ecolóxicas e paisaxísticas da ampliación de 115 mil metros prevista.

    Segundo os criterios autonómicos, a delimitación non afectaría ós terreos do complexo húmido de Corrubedo, cando están situados xusto a carón do ámbito da ampliación. Eirexas comparou a situación de Seráns coa de Baroña, onde a oposición veciñal botou atrás o proxecto.

    O vindeiro sábado 4 de agosto, os responsables de ADEGA manterán outra xuntanza cos veciños de Corrubedo, afectados pola macropiscifatoría proposta na punta Laxe Brava, a menos de 1.600 metros da de Seráns, no parque natural de Corrubedo.

    Redacción Barbanza