Comezan as festas de Santa Marta nun ‘renovado’ Pontearnelas

    pontedospadrinos_100_270707__still_001.jpgVILANOVA > Coincidindo coas festas de Santa Marta, serán inauguradas as obras de mellora desenvolvidas nos últimos meses pola Deputación.

    Mañá, sábado 28 de xullo, serán inauguradas cunha gran festa as obras de recuperación da Ponte dos Padriños, a pasarela peonil, a rotonda de Arnelas, o monumento ás polbeiras e o asfaltado. Ademais aproveitarase para presentar o proxecto de dotación de servizos que fará a Deputación de Pontevedra na travesía de Pontearnelas para que os veciños da zona mellores as súas condicións de vida.

    As obras da Ponte dos Padriños consistiron no adoquinado ata a capela que lle da unha nova imaxe a esta milenaria infraestrutura cuxo nome ven dun dos ritos máis arraigados na zona ata hai uns anos. Construída polos romanos, é un punto clave da Vía Per Loca Marítima que atravesa a comarca. A construcción foi remodelada en tempos de Felipe II conformando, xunto coa capela de Santa Marta e o cruceiro, un dos conxuntos máis fermosos da zona. Pero ademais do valor histórico está o simbólico, ó ser durante anos lugar de ancestrais ritos de fertilidade. Aquí acudían as parelas infértiles a medianoite para celebrar unha cea na entrada da ponte. O primeiro viandante que tentase cruzar debía se-lo padriño do futuro bebé que debía chamarse Alberto ou Alberta. Aceptado o encargo, o oficiante botaba sobre o ventre da muller auga do río Umia e ésta daba a luz a un neno totalmente san.

    Pero este lugar impregnado de tanta historia e valor patrimonial tamén garda unha importante significación popular, xa que aquí se desenvolve a famosa romería de Santa Marta que, segundo algúns investigadores, xa aparece nunha cantiga de Pero de Ardia do século XIII. A festa celébrase tódolos 29 de xullo, cando milleiros de persoas acuden a toma-lo popular polbo á feira. Hoxe comezaban a instalarse tódalas polbeiras que a partir de mañá repartirán centos de racións deste produto.

    Redacción Salnés