MEIS > O cabalo foi o protagonista onte en Meis. En Mosteiro celebrouse a Festa do Poldro e a Feira Anual do Cabalo …
… que reuniu a numerosas persoas no entorno do campo da feira. No apartado gastronómico a organización repartiu unhas 1.500 racións de carne de poldro guisada, mentres que na feira exhibíronse 95 cabalos.
A sétima edición da Festa do Poldro de Meis repartiu onte 1.500 racións desta carne guisada, acompañada de patacas fritas, pan e viño. Ata dez animais se sacrificaron para elaborar este menú que tamén incluíu 70 empanadas de poldro. Un menú equilibrado, xa que esta carne resulta ser moi san pola alimentación e forma de vida destes animais, que só comen herba e leite materna.
A xornada estivo a piques de verse danada polo mal tempo que houbo pola mañá pero a aparición do sol ó mediodía animou a un bo número de comensais que encheron as carpas instaladas no campo da feira de Mosteiro. Durante toda a xornada, preto de 30 persoas estiveron atendendo a todos e cociñando, ademais de poldro, racións de polbo á feira e preparando embutidos da zona.
As exhibicións de cabalos tamén foron un reclamo para os visitantes. Na Feira Anual do Cabalo xuntáronse gandeiros de diferentes puntos de Galicia e Asturias, cun total de 95 cabalos, a maior parte das razas galega, española e árabe. Os amantes do cabalo puideron ver os mellores exemplares durante o concurso que se celebrou á tarde. Os gañadores foron galardoados con catro premios que oscilaban entre os 120 e os 30 euros.
A festa continuará a vindeira semana con verbenas, pasacalles e unha capea de vaquiñas o domingo 26.
Redacción Salnés