Éxito de participación no I Congreso Internacional de Criminalística Aplicada de Noia

NOIA> A actividade, organizada polo Instituto Internacional de Criminalística Aplicada, en colaboración co concello noiés, reuniu ós máis reputados especialistas neste campo, como é o caso do coronel Pedro Baños, ex xefe de Contraintelixencia do Exército Europeo. Un bo número de persoas asistiron esta fin de semana en Noia ás distintas ponencias enmarcadas no primeiro Congreso Internacional de Criminalística Aplicada organizado polo Instituto Internacional de Criminalística Aplicada. O evento reuniu na localidade a prestixiosos poñentes do mundo da criminalística como destacou o propio alcalde noiés, Santiago Freire, na inauguración do Congreso. Precisamente unha das ponencias con maior repercusión foi a impartida polo coronel Pedro Baños, ex xefe de Contraintelixencia do Exército Europeo, especialista en terrorismo xihadista, e colaborador do programa Espejo Público. Na súa charla afondou sobre a ameaza do terrorismo islámico. A esta charla seguíronlle outras como a realizada por María del Mar Robledo, doutora en Medicina Legal e Forense pola Universidade Complutense de Madrid e antropóloga forense que falou sobre a morte do xeneral Prim  ou a de Ana María Bermejo, doutora en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago que explicou o papel do laboratorio de toxicoloxía forense. Durante a xornada inaugural producíase tamén o acto de entrega de Medallas ó Mérito Profesional e Académico, no Coliseo Noela, a unhas 25 personalidades e entidades, entre os que figuran o exembaixador español no Vaticano, Francisco Vázquez, os xornalistas Iker Jiménez e Carmen Porter, do programa Cuarto Milenio ou a Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva.