España faise de novo co Trofeo Príncipe de Asturias de piragüismo

trofeoprincipe100_160807.jpgPONTEVEDRA > Os padexeiros españois volveron facerse co Trofeo Príncipe de Asturias de piragüismo que onte se disputou …

… en augas da ría de Pontevedra. En primeiro lugar chegou España A, e por detrás España C, seguida do K-4 arxentino. A entrega de premios reuniu en Pontevedra a numerosas personalidades, como Pérez Touriño e Mariano Rajoy.

A selección española A levouse o Trofeo Príncipe de Asturias de piragüismo por terceira vez consecutiva. E fíxoo ó grande. Primeiro, superando as inesperadas ausencias de dous dos tripulantes titulares Busto e Aizpuría, que foron suplidos con acerto polo pontevedrés Álvaro Fernández Fiuza e polo asturiano Jorge Nogal. E logo facendo valer un poderío físico de excepción. O K-4 nacional viuse obrigado a regresar a terra durante o inicio da proba, en Sanxenxo, para baleirar a piragua, que se lles anegou de auga.

En cabeza situouse Arxentina, seguida de España B, que á altura de Raxó rompeu a embarcación. Os gauchos colleron ás pero pouco antes de Lourido España C púxose en cabeza. Sen embargo, no tramo final cambiaron as tornas. O combinado nacional A foi recortando metro a metro e entrou por Lourizán pegado a terra adiantando non só ós arxentinos, senón tamén ós seus compañeiros, e acabaron cruzando a liña de meta con 200 metros da vantaxe.

Unha chegada que presenciaron numerosas persoas desde as inmediacións da Ponte do Burgo, en Pontevedra. Preto do podio, moitas caras coñecidas da política. Ademais do presidente da Xunta que entregou o premio ós campións, tamén estivo o presidente do PP Mariano Rajoy. Ambos aproveitaron tamén para felicitar ó piragüista David Cal, polos resultados no Mundial de Alemaña, que lle deron o pasaporte ás olimpíadas de Pekín.

Redacción Salnés