Cara e cruz da Festa da Auga

    VILAGARCÍA > A festa da auga de Vilagarcía celebrouse este xoves volvendo a repetir un grande éxito de asistencia. Miles de vilagarciáns e turistas botáronse ás rúas para celebrar a festividade de san Roque pasados por auga.

    festa_da_auga_vailagarcia_1.jpgÁs 12 menos cuarto comezou a procesión na que se levou a imaxe do santo dende a igrexa parroquial ate a capela de San roque e ó redor do mediodía foi a lectura do pregón. Pregón que veu seguido da tradicional batalla de auga entre os milleiros de persoas congregadas diante da capela.

    Moitos viñan ataviados con pistolas de auga e caldeiros pero coma cada ano dende os balcóns tamén se lanzaba auga con cazarolas ou cuncos. Tampouco faltaron os bombeiros que mollaron a todo o que tiñan a punta de mangueira, incluído o concelleiro de cultura e primeiro tenente alcalde, Castro Ratón. O tempo acompañaba, o que fixo que a xente se animase a continuar a festa polas rúas de Vilagarcía.

    Moitos deles aínda de festa dende o día anterior. A festa continuou con música pola tarde dende as 8 e media no paseo de Elpidio Villaverde, na praza de Galicia e na praza da Peixería e finalizará co concerto gratuíto de Alex Ubago ás once no recinto feiral de Fexdega.

    A cruz da moeda

    suciedadenacompostela_150_160807.jpgA outra cara da festa a menos amable é a que ofrecían varios puntos da vila. O peor, a praia da Concha e o seu pinar, sepultados hoxe en quilos de lixo dos botellóns da pasada noite. Ás dúas da tarde ninguén do servizo de limpeza pasara aínda por alí e as persoas que aproveitaban o festivo para dar un paseo ou acudir á praia atopábanse unha desagradable imaxe. Centos de botellas de cristal rotas, botellas de plástico, bricks, latas, copas e bolsas esparexidas por toda a praia. Unha imaxe bochornosa que deixa constancia da longa madrugada que se viviu hoxe en Vilagarcía e que provocou a indignación de tódolos que aproveitaron o festivo para dar un paseo pola praia.

    Os culpables, para todos eran os propios xóvenes, anque tamén houbo queixas para a actuación do Concello. A maioría denunciaban a falla dun servizo de limpeza a primeira hora da mañá. Paseando pola zona atopamos ó coñecido presentador de televisión Xacobo Pérez que tamén criticou o estado da praia e a falla do servizo de limpeza. Unha familia que trataba este mediodía de gozar dun xantar campestre no pinar da praia tivo que limpa-lo lixo que había arredor da súa mesa para poder sentarse. Pero o lixo que os rodeaba non facía deste sitio un lugar precisamente idílico.

    Ademais comezaba a haber os primeiros cortes entre os que chegaban a desfrutar dun día de praia. Unha situación que posiblemente se repita nos próximos días xa que o paseo e a zona de acceso ó areal está ateigada de cristais rotos, polo que se recomenda non andar descalzos pola area na zona máis próxima ó paseo marítimo, no pinar e nas dúas primeiras pasarelas de madeira.

    Redacción Salnés