![]()
RIBADUMIA > Segundo os nacionalistas, o goberno do PP está a provocar unha situación de ‘anarquía urbanística’ que afecta especialmente ó rural.
O concelleiro do BNG de Ribadumia, Ramón Mouriño, no rural están proliferando ‘urbanizacións sen ningún tipo de criterio’ e recorda que xa hai un mes demandara medidas para evitar o que denominan ‘a anarquía e o descontrol urbanístico’ que se dan no municipio.
Segundo o concelleiro, as urbanizacións que se están facendo no municipio contan con licencia ‘do concello baixo o argumento de que se trata de vivendas colectivas’ cando a Lei do solo prohíbe expresamente as vivendas adosadas en máis de tres unidades, como se están facendo aquí. Ademais, segundo o BNG tampouco cumpren a lexislación no referente a accesos, parcela mínima e condicións de edificabilidade. E mentres tanto, dí Ramón Mouriño, ós veciños póñenselle todo tipo de impedimentos para face-la súa casa en determinados núcleos.
A polémica saltou hai uns días cando a alcaldesa de Ribadumia paralizou temporalmente cinco urbanizacións en solo rural porque faltaba algún papel. O BNG pregúntase como se puideron inicia-las obras se faltaba documentación, e pon como exemplo o edificio das Mimosas onde se fan 26 vivendas adosadas que non se adaptan á tipoloxía do medio rural, só teñen un acceso a través do garaxe común e nas que nin sequera se prevé a eliminación de augas residuais.
Redacción Salnés








