VALGA> O Conselleiro de Industria salienta a aposta de Urovesa pola diversificación, a internacionalización e a innovación como os factores que impulsan a súa competitividade. Francisco Conde visitou a factoría de Valga onde a puxo como exemplo da ‘Galicia industrial’.
Isto que ven é un VAMTAC ou, o que é o mesmo, un vehículo de alta modalidade táctica. É un todoterreo altamente blindado, resistente ás balas e mesmo a certo tipo de artefactos explosivos. O seu destino pode ser Malaisia, Indonesia ou Singapur. Pero nacen aquí, nesta factoría de Valga, líder no sector dos vehículos todoterreo.
O Conselleiro de Economía e Insdustria visitou esta mañá as instalacións de Urovesa para coñece-lo funcionamento desta empresa que ás súas costas arrastra 35 anos de traxectoria, na que a súa produción se foi diversificando dende o sector militar ó civil. Francisco Conde salientou, ademais, aposta pola internacionalización, coa súa incursión en 25 países diferentes.
De cara ó futuro, esta empresa radicada en Valga quere seguir apostando polas novas tecnoloxías, traballando no desenvolvemento de vehículos híbridos ou eléctricos. Outro dos estudos nos que traballa Urovesa é no desenvolvemento non tripulado con aplicacións militares.
A día de hoxe a factoría traballa na creación de vehículos para países de Asía, Oriente Medio e varios países europeos. Segundo a dirección, e á espera de novos proxectos, a carga de traballo na factoría de Valga está garantida, alomenos, para os vindeiros dous anos.