Traballo estuda a concesión dun obradoiro de emprego a Noia e Lousame

sanfinx_100_200807.jpgTAMBRE > Os concellos de Noia e Lousame poderían contar novamente cun obradoiro de emprego para o vindeiro ano.

O proxecto elaborado polos concellos de Lousame e Noia contempla a posta en marcha dun obradoiro de emprego para a formación de 40 alumnos nas modalidades de albanelería, canteiría, carpinteiría e xardinería.

O orzamento total para a posta en marcha do obradoiro ascendería ós 960 mil euros, dos cales unha partida de 787 mil sería aportada pola Consellería deTraballo, mentres que a contía restante, dedicada a sufraga-los materiais, realizaríase con cargo ás arcas municipais.

As actuacións a realizar no concello de Lousame irían encamiñadas á recuperación de vivendas no poboado de San Finx. Mentres, en Noia está rprevista a recuperación de fontes e lavadoiros en distintos puntos do municipio.

No caso de ser concedido o obradoiro de emprego, non sería a primeira vez que estes concellos acollen unha iniciativa similar posto que xa se desenvolveu outro taller conxunto no que tamén participou o concello de Porto do Son. Daquela, os resultados foron moi satisfactorios cun importante índice de inserción laboral.

Haberá que agardar a coñece-la decisión da Consellería de Traballo con respecto a este novo proxecto. Ámbolos dous alcaldes agardan que a súa proposta sexa tida en conta para facilitar o acceso ó mercado de traballo a parte da súa poboación.

Redacción Barbanza