VILAGARCÍA > O auditorio de Vilagarcía acollerá o vindeiro sábado a obra de teatro ‘O achado do castro’. Unha comedia de enredo, …
… amor e gargalladas coa que se recadarán fondos para o Aloxamento para Transeúntes da Cruz Vermella no Salnés.
A obra ‘O achado do Castro’ promete moitas gragalladas. A obra é unha comedia totalmente en galego que está ambientada na antiga Roma e coa que se recadarán fondos para mellorar o Aloxamento para Transeúntes da Cruz Vermella do Salnés. Estará representada polo grupo de teatro A Prixela, da Asociación de Mulleres Rurais ‘Lolita Trigo’, de San. Miguel de Deiro, grupo que hai anos xa representara esta mesma obra en Vilagarcía.
O reparto consta dun total de 11 actores rodeados dunha escenografía moi coidada e chamativa que fará as ledicias de tódolos que se acheguen ate o auditorio vilagarcián. Dende Cruz Vermella e dende o grupo teatral agardan encher as máis de 750 butacas dispoñibles para a función.
A obra representarase o vindeiro sábado no auditorio ás 21:30 horas e as entradas xa están á venda na Casa da Cultura de Vilagarcía ou na sede de Cruz Vermella. O prezo por entrada vai dende os 3 euros da zona C ós 5 euros da zona A. Unha cantidade asequible para tódolos públicos e que irá destinada a mellorar as instalacións do Aloxamento para Transeúntes da Cruz Vermella do Salnés.
Redacción Salnés