Chega a Vilagarcía a terceira regata da Mercedes Junior Cup

mercedesjuniorcup_100_290807__still_001.jpgVILAGARCÍA > O sábado 1 de setembro celebrarase na ría de Arousa a terceira edición do Mercedes Junior Cup.

Tralo éxito obtido polo circuito nas dúas edicións anteriores, e en liña coa inversión de Daimler Chrysler no deporte de canteira, o concesionario Eje Atlántico decidiu organizar un ano máis a regata Optimist. Será no Liceo Casino de Vilagarcía o sábado a partir das once.

A expensas do que depare a meteoroloxía, a organización prevé comeza-la xornada cunha gymkhana na que participarán os regatistas e os fillos e netos de clientes do concesionario Eje Atlántico que organiza o evento. A continuación será a regata, que decidirá quen representará á provincia e ó concesionario Eje Atlántico na final nacional que se celebrará do 7 ó 9 de setembro en Huelva. Ademais o gañador recibirá un Scalextric completo e os participantes un coche xa que esta marca co-patrocina a regata.

E como novidade este ano haberá un concurso de debuxo para fillos e netos de cliente de Mercedes-Benz. O gañador recibirá un curso de vela de dous meses. A proposta de Mercedes de potencia-lo deporte base coincide plenamente coa filosofía do Liceo Casino, de aí que leven xa tres ano colaborando neste circuito, tal como destacou o presidente da entidade, Álvaro Paz.

Redacción Salnés