O BNG esixe medidas para minimiza-lo impacto das obras da autovía

    bngpobraobrasautova_100_051007.jpgPOBRA > O BNG faise eco da preocupación veciñal existente por mor das acumulacións de terra que se realizan nas proximidades dos ríos.

    As obras da autovía do Barbanza non só produciron un intenso debate parlamentario entre goberno e oposición senón que agora están a xerar un potencial risco para o medio ambiente. Coa chegada das chuvias existe o risco de que todo o sedimento sexa arrastrado ata as cauces fluvias chegando incluso ó mar. Por iso, o BNG pobrés solicita que se realice un seguimento das obras e se adopten as medidas de seguridade necesarias para evitar danos maiores.

    Acumulación de terra no Batán e na Tomada 

    O exemplo da situación que denuncian os nacionalistas atopámolo nalgunhas zonas do concello da Pobra, como A Tomada ou Batán, onde as obras de desdobramento da vía rápida en autovía están a producir importantes acumulacións de terra case á beira dos ríos. Coa chegada da época de chuvias, o BNG teme que se produza o arrastre destes materiais ata os cauces, provocando importantes danos tanto nos propios ríos coma no mar, ó desembocar en zonas onde se asentan bancos naturais de gran riqueza.

    Queixas veciñais

    Tras recibi-las primeiras queixas dos veciños no pasado mes de agosto, o grupo nacionalista da Pobra ten presentado xa diversas iniciativas solicitando que se adopten as medidas de seguridade precisas para minimizar o impacto ambiental das obras.

    Iniciativa parlamentaria

    Agora, o BNG vén de elevar a súa preocupación ó Parlamento coa presentación dunha pregunta oral para a súa resposta en comisión, interesándose polas medidas preventivas que está a adoptar a empresa adxucdicataria e o seguemento que se fai dende a propia Consellería de Política Territorial. Dende o BNG, agardan que a súa proposta sexa debatida ó longo deste mes para asegurar a conservación das canles fluviais mediante accións preventivas, evitando ter que tomar medidas paliativas, unha vez se produzan os danos.

    Redacción Barbanza