RIBEIRA> Un ano despois da súa toma de posesión trala moción de censura, a alcaldesa de Ribeira fixo balance da súa xestión. Acompañada do voceiro dos seus socio de goberno repasaron algúns dos proxectos que conseguiron sacar adiante ó longo destes meses así como as políticas desenvolvidas para mellorar a calidade de vida dos ribeirenses.
Transcorrido un ano da moción de censura en Ribeira pola que accederon ó goberno PP e PBBI, o balance de ámbolos socios do executivo é do máis satisfactoria. A alcaldesa, María Sampedro, considera que nestes meses o seu equipo conseguiu pasar páxina e deixar atrás a confrontación da que segue acusando á oposición para centrarse en proxectos que favorezan a tódolos ribeirenses. Entre os principais destacou a residencia ou o inicio dos traballos do polígono empresarial.
A rexedora aludiu tamén á importante execución de fondos con proxectos como Plan de Sostibilidade Turística en Destino, as melloras no ámbito educativo ou a maior dotación de servizos. Sampedro quixo centrarse tamén noutros plans que poñen o foco nas familias como as melloras integrais nos parques infantís ou no deporte con máis de 400 mil euros mobilizados para mantementos. O seu socio de goberno repasou tamén algúns dos investimentos desenvolvidos ó longo deste ano de mandato, especialmente na área de Servizos Sociais que dirixe.
Vicente Mariño criticou duramente á oposición, especialmente ó BNG, ó que acusou da escasa capacidade de xestión demostrada durante os máis de dous anosque compartiron responsabilidades de goberno.
Os dous concluíron a súa intervención coa vista posta no futuro, agardando revalidar a confianza maioritaria dos cidadáns en maio de 2027 para poder dar continuidade ó seu proxecto.
Este positivo balance do goberno contrasta coa crítica do BNG que cualifica de ano perdido o labor do executivo trala moción de censura. O voceiro nacionalista, Luís Pérez Barral, denuncia que, lonxe de mellorar a xestión e desbloquear Ribeira tal e como prometeron, a realidade é a parálise e as decisións contrarias ás demandas veciñais.
Son especialmente críticos na xestión de determinados proxectos como a residencia de maiores ou a gasolineira de Xarás que suporán a perda de fondos municipais.
Fronte este xeito de gobernar de costas á cidadanía, o BNG continuará exercendo unha oposición firme e construtiva co obxectivo de seguir sumando apoios de cara ó futuro para así recuperar a alcaldía nas eleccións do próximo ano.











