BOIRO> Os boirenses volverán camiñar contra o cancro na andaina organizada pola xunta local da Asociación Española contra o cancro e o concello. Terá lugar o 15 de outubro e constará dun percorrido de 5 quilómetros polo paseo de Barraña e o estuario do Río Coroño.
‘Boiro, en marcha contra o cancro’. Baixo este lema, centos de veciños sumaranse á andaina que promove a xunta local da asociación Española contra o cancro en colaboración co concello de Boiro. Ademais de recadar fondos para a investigación, os participantes terán ocasión de percorrer un fermoso itinerario que discorre pola costa de Barraña e o paseo do río Coroño.
O prezo da inscrición é de oito euros para adultos e 5 para menores de 12 anos. Ademais de na oficina de Turismo, os interesados poden anotarse na farmacia ortopedia Ana Torrente, na Galería Sargadelos ou en Modas Naty. Tamén poden formalizar inscrición tódolos martes e sábados nun stand emprazado na rúa peonil.