A Pobra celebra este outubro as XXVIII Xornadas Valle-Inclán

A POBRA> O concello da Pobra celebrará este mes a vixésimo oitava edición das xornadas Valle-Inclán. A programación, que conmemora este ano o centenario de Tirano Banderas, inclúe exposicións, presentacións literarias, representacións teatrais e roteiros divulgativos.

A figura de Ramón María del Valle-Inclán volverá ser protagonista este mes de outubro na Pobra coas xornadas sobre o escritor que acadan xa a súa vixésimo oitava edición. 

A técnica do museo Valle-Inclán debullou a programación que dará comezo este mesmo venres e se prolongará ata o 31 de outubro con sesións teatrais, monicreques, presentacións literarias e un roteiro polos escenarios da Pobra que inspiraron ó escritor. O acto central terá lugar o venres 30 coa ofrenda cívica fronte á escultura do autor no Cantón da Leña.

A pesar de que as xornadas rematarán a finais de mes, o concello da Pobra en colaboración coa Xunta de Galicia programa para o mes de novembro unha exposición sobre Tirano Banderas que conmemora este ano seu centenario.

Ademais da celebración das xornadas, o director xeral de Cultura quixo poñer en valor o traballo que realiza durante todo o ano o museo Valle-Inclán, o único de toda España con fondos propios do autor.