A POBRA> A designación dos novos candidatos abre un novo escenario político que xa xerou as primeiras reaccións do resto de actores implicados. Nós Pobra esíxelle a José Carlos Vidal a entrega inmediata da acta de concelleiro e a renuncia á alcaldía.
Dende Nós Pobra recoñecen a existencia de discrepancias entre o actual alcalde e a asemblea pero insisten en que non houbo un cambio de rumbo que xustificase a súa marcha. Entenden que o principal motivo reside no proceso de elección aberto do candidato que non garantía a súa designación como cabeza de lista.
Lembraron que a súa chegada a alcaldía foi accidental, facilitada pola responsabilidade política de Xosé Lois Piñeiro e Estefanía Ramos que renunciaron tal e como lles solicitou a asemblea para chegar a acordo co resto das formacións e asegurar a gobernabilidade do concello.
Á espera de coñecer a decisión de José Carlos Vidal, dende Nós Pobra adiantaron a boa disposición amosada polo aínda rexedor de renunciar sempre e cando o PP non acceda á alcaldía.
Mentres tanto, Nós Pobra xa activou unha rolda de contactos cos demais partidos que compoñen a coalición de goberno para analizar o novo escenario e garantir o cumprimento dos compromisos adquiridos ó inicio da lexislatura.











