![]()
POBRA > Esta mañá producíase un incendio de grandes dimensións na factoría que a empresa de produtos precociñados Congalsa posúe no polígono industrial da Tomada.
O lume, que se orixinaba ó redor das dez e media por causas polo de agora descoñecidas, afectou a unha das tres naves da factoría. Nese mesmo momento iniciábase o operativo de emerxencia. Os primeiros en chegar foron os bombeiros dos parques de Boiro e Ribeira, que comezaron inmediatamente os labores de extinción. Posteriormente foron chegando tamén unidades de bombeiros doutros parques como é o caso de Santiago, o Salnés e Noia. En total participaron uns 30 bombeiros desprazados en 14 camións motobomba, a parte dos Grupos de Intervención Rápida dos concellos de Ribeira, Boiro e Pobra do Caramiñal, tardándose máis de dúas horas en controla-las fortes lapas.
Medidas contención
Nos primeiros momentos o lume acadou grandes dimensións, e a columna de fume existente era visible dende diferentes puntos da comarca e mesmo dende o outro lado da ría de Arousa. Nese momento o traballo dos bombeiros centrouse fundamentalmente en adoptar medidas de contención e na minimización dos riscos para os propios empregados da factoría que foron evacuados rápidamente, así como tamén para o resto dos traballadores do polígono de fábricas próximas ó lugar do sinistro e á poboación en xeral, establecéndose un perímetro de seguridade. Posteriormente o labor dos bombeiros centrouse en evita-la propagación das lapas ás naves próximas e protexer do lume o resto da fábrica. O incendio douse por controlado ó redor das doce e media. E foi precisamente nese momento cando un dos responsables da empresa se animou a face-las primeiras valoracións sobre o acontecido. Ramón Doval, Xerente de Congalsa, sinalou que polo de agora aínda é cedo para facer un balance sobre as posibles perdas. o que si confirmou é que a empresa tratará de seguir adiante coa súa produción.
Equipo de retén
A pesar de que o incendio estaba xa controlado, os bombeiros decidiron manter un equipo de reténs en todo momento ata a extinción total do lume no interior da nave, ante a posibilidade de que as lapas pudieran reavivarse.
Nada máis coñecerse o suceso ata o lugar fóronse achegando representantes do executivo local así como tamén numerosos empresarios da zona que quixeron arroupar nestes difíciles momentos á dirección de Congalsa. O alcalde pobrés, Isaac Maceiras, destacou o bo traballo levado a cabo polos bombeiros e polas agrupación de voluntarios de Protección Civil e que posibilitou que a desgracia non fora aínda maior.
Máis de 300 empregos
As instalacións no polígono da Tomada desta compañía, empresa líder na produción de alimentos precociñados ultraconxelados de alta calidade a base de peixe, así como tamén de peixes elaborados, dan traballo a máis de 300 persoas. Boa parte deles tiveron que ser evacuados esta mañá a consecuencia do incendio. Visiblemente afectados observaban dende lonxe como a nave era pasto das lapas, mentres os bombeiros seguían traballando para que o lume non se extendera a outras partes da fábrica. Co susto aínda no corpo explicaban as orixes do lume e como viviron o desaloxo da nave.
Futuro incerto
Outro dos problemas ós que facían referencia os empregados de Congalsa esta mañá era a situación na que ían a quedar moitos deles, xa que o incendio poñía en perigo os seus postos de traballo.
Redacción Barbanza









