Porto do Son presenta a súa oferta cultural e festiva

    PORTODOSON> Desde o concello tratouse de crear unha oferta que satisfaga a tódolos públicos, pero sen dúbida os máis pequenos terán moitas opcións entre as cales escoller.

    O concello sonense preparou unha apertada axenda cultural e festiva para os meses de xullo, agosto e setembro. Unha das principais prioridades é desenvolver as máximas posibles ó aire libre, para gozar das boas temperaturas e á vez animar as rúas da vila con multitude de eventos. Contacontos, títeres, actuacións musicais, festivais de danza, obras teatrais entre outras serán protagonistas no rueiro sonense. O público adulto poderá escoller diversas mostras para pasar unha xornada mergullado nalgún dos ámbitos que nos ofrecen. As exposicións realizaranse ben no Centro de Interpretación do Castro de Baroña ou na sala de exposicións da Casa da Cultura. Durante xullo e agosto realizaranse visitas guiadas para coñecer o patrimonio sonense. Unha oferta inmellorable para desfrutar dunha boa camiñada, coñecer xente e gozar dunha paisaxe única. Entre as actividades festivas destaca a feira mariñeira de Portosín que será esta fin de semana, a feira Celta, consolidada como unha das máis importantes do municipio, desenvolverase do 25 ó 27 xullo e como non, a festa de exaltación do polbo, raíña das festas gastronómicas, o 9 de agosto.