RIBEIRA> Ribeira enxalza o produto do mar coa quinta edición de Gastromar. A cita gastronómica, organizada pola Asociación de Empresarios da localidade, prolongarase ata o domingo, con exhibicións gastronómicas a cargo de reputados cociñeiros, obradoiros divulgativos e degustacións de produtos do mar locais como é o caso do lirio, o polbo ou a navalla, entre outros.
Durante tres días, dende hoxe venres e ata o domingo, a praza de España, acollerá unha nova edición da Feira Gastronómica Gastromar. A cita que chega este ano á súa quinta edición, está promovida pola Asociación de Empresarios da localidade en colaboración con outras entidades.
Na apertura oficial da feira contouse tamén coa presenza doutras autoridades, entre elas a conselleira do Mar, Marta Villaverde. Na súa intervención a responsable autonómica destacou a consolidación desta cita como un exemplo de innovación culinaria e de exaltación da calidade e frescura dos produtos do mar locais, así como para a dinamización económica e turística do municipio.
O acto contou tamén coa presenza da deputada de Mar da Deputación da Coruña, Cristina Capelán, e da alcaldesa, María Sampedro. Na súa intervención esta última felicitou á patronal local polo seu dinamismo e fixo fincapé en que enxalzar o produto local do mar é enxalzar o sector estratéxico por excelencia de Ribeira.
Gastromar terá continuidade ata o domingo, e nela incluiranse tamén exhibicións gastronómicas a cargo de cociñeiros de prestixio e obradoiros divulgativos, sen esquecer as propias degustacións, con quendas de mañá e noite, con elaboracións tradicionais e propostas innovadoras baseadas en especies de proximidade como o lirio, a sardiña, o polbo, as navallas ou o camarón, entre outras.











