O bipartito noiés acusa ó anterior goberno de mala xestión dos fondos

malaxestionfondos_100_25100.jpgNOIA > O concelleiro de Facenda de Noia, Lino García, e o primeiro tenente de alcalde, Bieito González, compareceron esta mañá ante os medios de comunicación para facer pública unha mala xestión de fondos do anterior goberno municipal.

… O executivo popular gastou máis de mil euros en mercar lámparas fluorescentes que non teñen uso posible para ningunha dependencia do concello.

O actual goberno noiés enterouse desta suposta mala xestión de fondos porque a empresa á que se lle mercaron as lámparas reclamou o cobro dunha última factura pendente, que o executivo non pretende pagar. General Lightsearch cobrara xa varias facturas do concello, en concepto tamén de lámparas fluorescentes e cebadores por valor de máis de 3.800 euros. Dende o concello pediron presuposto destes mesmos productos a diferentes empresas noiesas e na vila esta mesma compra non superaría os 400 euros. O concelleiro de Facenda noiés, Lino García, aclarou que aínda que saben que o importe non é moi alto, decidiron sacalo á luz pública porque esta non é a única factura na que se atoparon irregularidades deste tipo.

O actual executivo non entende porque se fixo esta compra de material, pois a empresa concesionaria do mantemento eléctrico do concello leva incluido no seu contrato a adquisición do material que precise. O bipartito noiés culpa directamente desta mala xestión dos fondos municipais ó actual presidente da Asociación de Actividades Empresariais de Noia e ex concelleiro, José Pérez Martínez. Lino García asegurou non entender ademais como este concelleiro pudo aprobar esta compra de material ou outra calquera se non posuía sinatura delegada para este tipo de accións.

Contrastación de prezos

Canal Rías Baixas púxose en contacto co exconcelleiro José Pérez, que refusou facer declaracións sobre o tema, pero que si quixo matizar que el, que xa está completamente desvinculado da vida política municipal, non pode agora cotexar esta información, pero que se vai documentar e logo fará a súa valoración dos feitos. O que si agarda é que o actual executivo contrastara os prezos do material, á hora de pedir os presupostos, en base a calidade e durabilidade do producto.

O tenente de alcalde noiés, Bieito González, considera esta unha práctica reprobable e a proba dunha pésima xestión dos recursos públicos.

Redacción Barbanza