A Fiscalía envía a un centro de menores ó agresor dun rapaz en Boiro

    BOIRO > A Fiscalía de Menores decretou o internamento nun centro de menores e con réxime semiaberto para o rapaz de 14 anos que agrediu a outro adolescente da mesma idade en Boiro, mentres que outro neno, de 12 anos, gravaba a malleira nun móbil

    … O suceso ocorreu hai once días pero as imaxes saíron á luz estes días.

    Un arreaba con saña e o outro aínda animaba máis. O vídeo dura arredor duns tres minutos e nel vese claramente como o rapaz, de 14 anos, recibe unha auténtica choiva de patadas e puñetazos por todo o corpo. Presuntamente o agredido tería propinado unha paliza previa a un irmá pequeno do agresor e esta malleira sería a represalia. O caso é que estes golpes deixáronlle dúas costelas danadas, diversos hematomas na cabeza e a perda de dous dentes, pero sobre todo secuelas psicolóxicas. O rapaz aínda non volveu polo instituto e recibe tratamento psicolóxico, tal como indicou Ángeles Horta, avogada da familia.

    Os familiares do agredido consideran unha humillación o feito da difusión das imaxes, posto que o vídeo estivo circulando de móbil a móbil durante once días ata que se fixo pública a agresión. O agresor e máis o rapaz que gravou a malleira, de tan só 12 anos, son ben coñecidos pola familia do agredido. O mesmo pai, José A. Suárez pide un castigo para eles ó tempo que lembra que os golpes que recibiu o seu fillo ‘ben o puideron matar’. O feito é que o caso acabou na Fiscalía de Menores de Boiro, que xa decretou o internamento nun centro de menores e con réxime semiaberto para o agresor.

    Redacción Salnés