Unha mostra itinerante repasa na Pobra os 50 anos da Casa de Rosalía

A POBRA> Chega á Pobra a exposición itinerante do 50 aniversario da Casa de Rosalía. Trátase dunha mostra que repasa a historia da Casa da Matanza convertida hoxe nun museo sobre a vida e obra da máis ilustre escritora galega.

Coincidindo co 50 aniversario da Casa da Matanza, a fundación Rosalía de Castro promove esta exposición itinerante que xa se pode visitar na praza do emigrante da Pobra ata o 5 de abril. A mostra, comisariada por Pepe Barro, pretende poñer en valor a recuperación e musealización do inmoble ó tempo que fai un repaso pola súa historia dende que en xullo de 1971 abriu as súas portas ó público.

O acto inaugural contou ademais coa presenza da deputada provincial de Normalización Lingüística, María Muíño.

Os primeiros en coñecer a mostra foron os alumnos de sexto do colexio Salustiano Rey Eiras cunha visita teatralizada da man da propia Rosalía, encarnada pola actriz Tero Rodríguez.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí