RIANXO> O concello de Rianxo traballa na redacción dun proxecto técnico para habilitar o Pazo de Rianxiño como centro de día. Conta co asesoramento de AGADEA para cubrir aquelas cuestións elementais requiridas por Política Social para prestar este servizo.
Varios anos despois da compra do Pazo de Rianxiño e tras varios intentos infrutuosos para convertelo nun centro de día, o concello de Rianxo vén de mover ficha. Traballa na redacción dun proxecto técnico, asesorado por AGADEA, que permita habilitar nas instalacións un centro de día, cumprindo cos requisitos da Xunta de Galicia. Trátase de obras que atenden ás cuestións máis elementais co obxectivo de que boa parte delas poidan ser asumidas pola brigada de obras abaratando os custos.
Unha vez obteñan o visto bo da Xunta abordarán o modelo de xestión do futuro servizo. Non desbotan a posibilidade de que Política Social se faga cargo aínda que as reiteradas negativas ó longo deste tempo obrigan a barallar outras alternativas.
A meta do actual goberno é que o centro de día de Rianxo entre en servizo antes de rematar a lexislatura, satisfacendo así unha demanda histórica da sociedade rianxeira.











