Unións Agrarias valora negativamente a última vendima da D.O. Rías Baixas

    unions_agrarias_100.jpgVILAGARCÍA > O sindicato Unións Agrarias valorou os resultados da vendima na denominación de orixe das Rías Baixas. Este ano, os viticultores perderon case un 39 % do seu poder adquisitivo debido a varios factores.

    Para este sindicato este exercicio foi excepcional porque houbo moita menos uva que nas tres campañas anteriores; malia que se incrementaron o número de hectáreas.

    A solución neste caso deberá ser, en primeiro lugar, acometer un estudio previo que fixese prever a situación; e en segundo lugar, que o Consello regulador afrontase a realidade no canto de intentar dar unha imaxe de normalidade. Ante esta situación, os prezos deberan terse elevado para paliar as perdas dos agricultores por vender menos producto e por investir máis nos productos fitosanitarios cos que fixeron fronte ó andazo de mildiu nas viñas.

    Agora a posteriori, piden axudas á administración e transparencia e equidade ó Consello regulador. Ademais, esta situación, segundo os voceiros sindicalistas, debe servir para sentar un precedente positivo en aras dos intereses dos productores.

    Malia esta situación xerada, Unións Agrarias segue defendendo a idoneidade de aplicar o acordo marco que fixa os prezos de venda da uva; só que este caso debería terse tratado coma unha excepción.

    Redacción Salnés.