Os Príncipes de Asturias desbordan simpatía na súa visita a Vilagarcía

    principes100_181007.jpgVILAGARCÍA > Vilagarcía vestiuse hoxe de gala para recibir ós Príncipes de Asturias. Don Felipe e Dona Letizia visitaron …

    … o centro de atención que Amencer ten en Vilagarcía e que leva o nome da princesa. Os príncipes amosáronse moi interesados polo funcionamento do centro e por coñecer persoalmente ós seus usuarios.

    principes_regalo200_181007.jpgMoi cercanos. Así se amosaron as Súas Altezas Reais os Príncipes de Asturias na súa visita a Vilagarcía. Don Felipe e Dona Letizia inauguraron esta mañá o Centro de Atención Integral Princesa Letizia para nenos e mozos con parálise cerebral. Despois de saudar ós directivos da asociación Amencer, que xestiona o centro, os príncipes recibiron o primeiro dunha serie de agasallos de mans de Paula e Miguel, un ramo de flores de papel.

    principes_nenos200_181007_.jpgOs príncipes demoraron máis do previsto a súa visita ó centro de Amencer. Segundo os seus responsables tanto Don Felipe como Dona Letizia amosáronse moi cariñosos cos usuarios do centro e moi interesados nas actividades que alí se desenvolven. Non dubidaron en achegarse a cada un dos rapaces e saudalos persoalmente, o que orixinou algunha que outra anécdota, como unha nena que se abalanzou sobre o bolso da princesa, e esta se achegou a ela para preguntarlle se lle gustaba e darlle mimos.

    A cambio, os príncipes recibiron moitos agasallos, unhas libretas deseñadas polos rapaces do centro para as súas fillas, un bolígrafo tamén feito por eles, e un álbum coas súas fotografías e unhas presentacións de cada neno, escritas tamén en linguaxe SPC (pictogramas).

    principes_sergio200_181007.jpgA princesa foi a encargada de destapar logo a placa conmemorativa deste acto inaugural, que por motivos de axenda, se tivo que demorar dous anos. En representación dos usuarios de Amencer, o mozo Sergio González, deulle as grazas ós príncipes, ó tempo que lles regalou un exemplar do seu primeiro libro, un poemario.

    Neste acto, os Príncipes de Asturias estiveron acompañados por diversas autoridades, como o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, a conselleira de Vivenda, Teresa Táboas, por certo a arquitecta que deseñou este centro. Tamén estivo a alcaldesa Dolores García e o presidente da Deputación Rafael Louzán.

    RECIBIMENTO MULTITUDINARIO

    principes_bandeiras200_181007_004.jpgOs príncipes tamén desbordaron amabilidade na rúa. Desde primeira hora a urbanización de Duque de Terranova, onde está situado o centro, foise enchendo de veciños. E desde logo, como puido comprobar Telesalnés Barbanza, a espera mereceulles a pena. Tempo tiveron dabondo para velos, porque o coche oficial deixou ós Príncipes, e continuaron a pé saudando ó público. Ata quince minutos tardaron en chegar á porta do Centro Princesa Letizia. Algúns incluso quixeron deixar claro o seu apoio á monarquía e acudiron ataviados con bandeiras de España.

    Os príncipes tamén demoraron a súa saída e antes de subir ó coche oficial volvéronse de novo a falar coa xente, para delicia de moitos, e sobre todo de moitas. Con estas mostras de cariño dos arousáns, os Príncipes de Asturias, colleron rumbo a Vigo.

    Redacción Salnés