Os pais de Artes mobilízanse para esixir a mellora do transporte escolar

    concentracionartes_100_161107.jpgRIBEIRA > Os pais dos alumnos de Artes, que cursan estudos no IES Coroso, protagonizaron unha concentración para reclamar melloras no transporte escolar.

    Despois de reclamar en reiteradas ocasións a implantación dunha liña axeitada para os estudantes de secundaria da parroquia de Artes, os pais afectados non tiveron máis remedio que iniciar as accións de protesta para que as súas queixas cheguen a oídos da administración pública.

    Este venres, arredor de cincuenta afectados, entre pais e fillos, concentráronse ás portas do CEIP de Artes, para reclamar unha liña de transporte suficiente e con paradas en tódolos núcleos da parroquia.

    Promesas incumpridas

    Os pais levan preto de catro anos reclamando a mellora dos transportes; por este motivo, non entenden as explicacións remitidas dende a Consellería de Educación nas que manifestaba non ter coñecemento da situación.

    É máis, o director xeral de Ensinanzas Especiais, Antonio Vázquez, tiña adquirido o compromiso de mellora-lo transporte para curso escolar 2007-2008, en resposta a unha pregunta parlamentaria presentada polo BNG. Sen embargo, a dous meses do inicio do curso escolar aínda non se ten tomado ningunha medida.

    Na manifestación tamén estivo presente a presidenta da ANPA do IES Coroso e, á súa vez, concelleira de Educación de Ribeira, Juan Ermitas Crugeiras, quen amosaba así o seu respaldo persoal e o do propio concello ós pais que, dende vello, levan reclamando un mellor transporte.

    Voto de confianza

    Aínda así, a titular de Educación lembrou que o delegado de Educación tomou posesión do seu cargo hai apenas un mes polo que é posible que aínda descoñeza a documentación presentada polos pais. Neste sentido, cre que é preciso darlle un voto de confianza e agardar a que estude o tema en profundidade para poder darlle unha solución axeitada.

    Precisamente, o colectivo de pais agarda que esta protesta sirva para refrescarlle a memoria ós responsables da Consellería de Educación. De non ser así, seguirán a realizar novas medidas de presión ata que a administración autonómica cumpra as súas promesas.

    {flowplayer}barbanza/concentracionartes.flv{/flowplayer}

    Redacción Barbanza