Continúa a busca dos mariñeiros desaparecidos no naufraxio do Cordero

    RIBEIRA > Continúa despregado o dispositivo de busca dos mariñeiros desaparecidos tras o naufraxio do buque ‘Cordero’, composto como en días anteriores por medios mariños e aéreos …

    … do Ministerio de Fomento e da Administración Autonómica, así como por diversos efectivos terrestres.

    naufraxio300_210108.jpgSegundo informou a Consellería de Pesca, o remolcador do Ministerio de Fomento ‘Don Inda’, continúa desenvolvendo tarefas de busca e traballa dende a zona do pecio cara Estaca de Bares. Nas actividades por mar tamén participan o remolcador de Fomento ‘Alonso de Chaves’, que realiza labores de busca entre Estaca de Bares e Ribadeo, e a embarcación ‘Salvamar Alioth’, que rastrexa dende Burela ata Estaca de Bares. Así mesmo, intervén o buque da Consellería de Pesca ‘Irmáns García Nodal’, que rastrexará a área comprendida entre Celeiro e A Coruña.

    Participan tamén no dispositivo o helicóptero do Ministerio de Fomento ‘Helimer Galicia’, que realiza un barrido por aire na zona de afundimento do pecio, e o avión de longo alcance e importante autonomía ‘Rosalía de Castro’, voando dende Estaca de Bares cara o leste. Do mesmo xeito que en días previos, participan na procura dos mariñeiros desaparecidos efectivos de Protección Civil de diferentes concellos galegos. Concretamente na Comunidade galega, veñen traballando na busca por terra dende esta mañá Protección Civil de Cervo (4 efectivos), Narón (3), Burela (3), Viveiro (2), Cedeira (2), Cervo (4), Ribadeo (2), Foz (4) e Ortigueira (4).

    A Consellería de Pesca tamén informa da situación meteorolóxica prevista para hoxe: nas augas costeiras de Lugo agárdanse ventos do Suroeste forza 2 a 4, arreciando máis tarde a Suroeste forza 4 a 5, e en torno a Bares a forza 6 a intervalos. Tamén haberá marusía aumentando a forte marusía en Bares e mar adentro en todo o litoral. Mar de fondo do Oeste ao Noroeste con ondas de 2,5 a 2 metros.

    Pola súa banda, nas augas costeira da Coruña, ao Norte de Fisterra, espéranse ventos do Suroeste con forza 2 a 4 arreciando cara a Suroeste forza 4 a 5 con intervalos de forza 6 en torno a Bares. Marusía aumentando máis tarde a forte marusía mar adentro ao Noroeste de Cabo Prior e en Bares. Mar de fondo do Oeste ao Noroeste con ondas de 2,5 a 2 metros.

    Redacción Salnés