Mar promove en Ribeira o consumo de peixe entre os máis novos

RIBEIRA> A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presentou esta mañá a  campaña ‘Ti si que es un bo peixe’. A iniciativa ten coma principal finalidade o fomento do consumo de produtos do mar, especialmente entre os máis novos.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu esta mañá a un dos obradoiros que o seu departamento está a realizar por toda Galicia, dentro da campaña ‘Ti si que es un bo peixe’.

Con esta iniciativa, dirixida ós máis novos, o que se pretende é incidir na importancia de consumir produtos do noso mar para ter unha alimentación máis saudable.

‘Ti si que es un bo peixe’ é unha das iniciativas que se inclúe na campaña máis ampla da Xunta ‘Galicia sabe a Mar’ coa que o Executivo Galego pretende impulsar o consumo de peixes e mariscos entre a cidadanía e difundir a gran variedade de produtos da máxima calidade que temos en Galicia.