![]()
PONTEVEDRA > Seguen adiante cos derrubes das chabolas de O Vao. Sinaí Giménez, presidente da “Asociación del Pueblo Gitano”
solicita unha prórroga dun mes nas demolicións, así como un permiso para concentrarse os próximos xoves e venres diante do concello de Poio. Giménez considera que os derrubes deixarán sen teito a varias familias e isto, dixo, é un feito non democrático e vulnera os seus dereitos.
O recente auto xudicial que decretou o derribo inmediato das sete chabolas de O Vao, levarase a cumprimento a finais da semana que ven. Segundo Sinaí Giménez, son oitenta persoas as que quedarán sen fogar, entre eles, nenos, anciáns e minusválidos.
O presidente da Asociación del Pueblo Gitano, solicitou esta mañá un permiso para manifestarse diante do concello de Poio os próximos xoves e venres, de levarse a cabo os derrubes sen que haxa posibilidade de reubicación para os residentes das chabolas.
O documento do auto xudicial establece que os derrubes pendentes teñen que concluírse en menos de sete días.
Existe un convenio aprobado polo concello, que pretenden, dende a Asociación del Pueblo Gitano, que se aprobe tamén en Santiago ante a dirección xeral de Vivenda, onde acudirá Sinaí Giménez o próximo luns.
Redacción Salnés








