VILAGARCÍA > O Concello de Vilagarcía ven de presentar un par de actividades para escolares co gallo do Día Internacional dos Dereitos do Neno.
Estes dous obradoiros van a celebrarse o próximo martes pola tarde no auditorio vilagarcián, en horario de cinco e media a oito. A primeira delas é un obradoiro de banda deseñada a cargo de Pepe Carreiro, o creador de series como os Barbanzóns e os Bolechas. Os cen primeiros cativos e cativas que asistan recibirán como agasallo un exemplar do libro “Os Bolechas e os Dereitos da infancia”.
Ó seu termo, ás seis e media, os rapaces e rapazas terán a oportunidade de participar nun obradoiro de expresión plástica sobre o coñecemento dos seus dereitos, no que poderán elaborar as súas propias chapas e chaveiros. A concellería de xuventude de Vilagarcía aproveita pois esta data, para acadar un obxectivo claro: afondar na concienciación de pequenos e adultos sobre ó respecto os dereitos inherentes ós máis pequenos da casa.
Malia o que se poida pensar non é mester acudir a un país do terceiro mundo para comprobar que estes dereitos non sempre se respectan. Preto de nós pode haber algún rapaz que sufra a conculcación dos seus dereitos dalgún xeito, polo que a concellería anima á cidadanía a alertar por eles.
Redacción Salnés.