PORTO DO SON> A actuación que executa actualmente a consellería de Infraestruturas conta cun orzamento duns 500 mil euros.
Dende hai varias semanas véñense desenvolvendo as obras de mellora da seguridade viaria no acceso ó peirao de Portosín, na estrada AC-550. Unha actuación financiada pola Xunta de Galicia, a través da consellería de Infraestruturas, que conta cun orzamento duns 500 mil euros. A titular deste departamento, Ethel Vázquez, desprazouse esta mañá ó lugar para coñecer de primeira man como se desenvolven os traballos que teñen coma principal finalidade a construción dunha glorieta nesta intersección na que se rexistraban un alto índice de accidentes debido á pouca visibilidade, especialmente para os coches que se incorporan desde a Travesía da Igrexa.
A actuación levará aparellada tamén a reordenación da zona.
O alcalde sonense, Luís Oujo, agradeceu a actuación, da que o Concello obtivo unha rápida resposta por parte da Xunta. O rexedor como xa fixera anteriormente a propia Conselleira confía en que os traballos estean rematados antes do verán.
A actuación inclúese no Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2016-2020, que recolle medidas para reducir nun 50% as vítimas mortais das estradas galegas con respecto ás rexistradas no ano 2011.