O Nadal Máxico chega a Vilagarcía

    VILAGARCÍA > A maxia chegará este venres a Vilagarcía das mans de cinco dos mellores prestidixitadores galegos.

    O auditorio acolle o espectáculo Nadal Máxico que se atopa dentro do segundo circuíto galego de maxia.

    O circuíto galego de Maxia celebra este ano a súa segunda entrega. Logo do éxito acadado na pasada convocatoria, este Nadal 23 ilusionistas galegos van a chegar a 50 concellos da comunidade. Este venres é a quenda de Vilagarcía. O edil de cultura, Xosé Castro Ratón, espera que se repita o éxito acadado con outras propostas, nun espectáculo que irá dirixido a tódolos públicos. Ademais Castro Ratón anunciou que o concello volverá a apostar pola maxia, como unha proposta cultural.

    Conseguir que os espectáculos de Maxia formen parte do circuíto cultural galego é tamén unha meta dos ilusionistas. Cinco magos representarán no Nadal Máxico do venres trucos que irán dende o escapismo, o mentalismo, ou a maxia cómica, e nos que a participación do público será moi importante. O cartel está formado polo Mago Antón, o Mago Pastur, o Mago Romanís, o Mago Norberto e o Mago Teto. A entrada será de balde, e xa se poden adquirir no Auditorio de Vilagarcía.

    Redacción Salnés