Máis de 350 padexeiros participarán na XXX Baixada Internacional do Río Umia

RIBADUMIA> A Baixada Internacional do Río Umia cumpre 30 anos de vida. A proba, unha das máis importantes da comarca, celebrarase esta fin de semana no concello de Ribadumia, organizada polo club Náutico O Muíño. Será o sábado 6 de xullo, e está previsto que participen nela máis de 350 deportistas.

Como novidade, nesta edición introdúcese o K2 na categoría mixta, mantendo o K1 e C1 individuais. Pero a da Baixada do Umia non será a única cita de Ribadumia co piragüismo esta fin de semana.

O domingo na contorna da ponte de Barrantes celebrarase unha das probas da Liga Provincial da Deputación de Pontevedra. Neste caso, están inscritos máis de 400 nenos para participar da cita.

Dende a organización das dúas probas destacan a importancia destes eventos deportivos para fomentar o turismo na zona. Non en van, grazas ás dúas citas deportivas calcúlase que esta fin de semana pasarán por Ribadumia máis de 2.000 persoas.