Nace AGALCARI co fin de conxugar tradición e modernidade

    agalcari_100_301107.jpgAROUSA > Esta mañá tivo lugar a presentación pública da Asociación Galega de Carpinterios de Ribeira, unha entidade que nace co obxectivo de revitaliza-lo sector …

    … dende o punto de vista económico pero sen deixar de lado a tradición cultural como valor engadido. Ademais do presidente da asociación, Xerardo Triñanes, e o alcalde de Boiro, estiveron presentes no acto diversos representantes do goberno autonómico que quixeron así amosar o seu apoio a este ambicioso proxecto.

    En Galicia existen na actualidade vintecinco carpinterías de ribeira, das cales un total de quince se atopan integradas na Asociación Galega de Carpinteiros de Ribeira (AGALCARI) que acaba de nacer.

    Obxectivos

    O obxectivo da asociación, con sede no concello de Boiro, é aglutinar a tódolos membros do sector neste organismo polo que se habilitarán fórmulas que permitan a adhesión de tódolos profesionais dedicados á construción naval en madeira.

     AGALCARI nace co fin de situar a este sector tal e como lle corresponde no plano económico galego, sen perder en ningún momento o carácter tradicional que arrastra dende hai séculos, como valor engadido.

    O respecto medioambiental e o aprovetamento dos recursos son tamén bases para a posta en marcha deste proxecto. Un proxecto ilusionante que segundo o seu presidente, Xerardo Triñanes, contribuirá a poñer en valor a tradición herdada desa antiga xeración de carpinteiros ó mesmo tempo que se revitaliza o sector dende o punto de vista produtivo.

    Apoio das administracións

    No acto de presentación, os membros da nova entidade estiveron arroupados pola Directora Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, Fátima Linares, a directora xeral de Comercio, Ana Rúa, e o delegado provincial da Consellería de Industria, Xosé Luís Barcia.

    Todos eles coincidiron en sinalar o necesario apoio por parte das administracións públicas para sacar adiante este proxecto, consistente en manter vivas as nosas tradicións, adaptándoas ós novos recursos e modos de produción.

    Tralo acto de presentación, presidido polo alcalde de Boiro, Xosé Deira, os asistentes desprazáronse ata a nova sede social da asociación, situada no concello de Boiro.

    Proxectos

    Alí traballarán a partir de agora os membros desta nova entidade para sacar adiante numerosos proxectos; entre eles, a creación dun regulamento específico para a construción naval en madeira, a catalogación de todo o patrimonio marítimo galego ou a materialización de convenios coa universidade na busca dunha mellor formación de profesionais. Todo un longo camiño por percorrer que hoxe inician, esperanzados, máis de 150 profesionais na busca da combinación perfecta entre tradición e modernidade.

    {flowplayer}barbanza/agalcari.flv{/flowplayer}

    Redacción Barbanza