A feira do comercio de inverno trasládase á alameda noiesa

NOIA> A asociación Noia Histórica presentou esta mañá a actividade que se desenvolverá esta vindeira fin de semana: 6, 7 e 8 de marzo. O venres 6 de marzo abrirá as súas portas unha nova edición da feira do comercio de Noia Histórica. Durante toda a fin de semana ó redor duns trinta establecementos pertencentes a distinto tipo de sectores, aínda que maioritariamente do ramo textil e do calzado, ofrecerán os seus produtos con importantes descontos a fin de dinamizar as vendas antes de comezar coa campaña de primavera. A principal novidade deste ano será o cambio de ubicación, xa que a feira trasladarase á alameda, onde está previsto instalar unha carpa. Dende Noia Histórica confían en que o tempo, cuxas previsións son boas para a fin de semana, axude a atraer a maior número de visitantes. A entrada será de balde e os horarios variarán en función do día: o venres de cinco a nove e media, o sábado de dez e media a nove e media e o domingo de dez a media a nove da noite.