Louzán critica a exclusión da Deputación da Axencia Galega de Emerxencias

    PONTEVEDRA > O Presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, criticou esta mañá a nova Axencia Galega de Emerxencias

    … que acaba de crear a Xunta de Galicia. Segundo Louzán esta é unha actuación que discrimina a Deputación, que non terá participación dentro do seu órgano xestor.

    A Axencia Galega de Emerxencias, contemplada dentro da Lei do mesmo nome, vai a ser un ente instrumental para a xestión de situacións de emerxencia en función das instrucións que reciba do seu órgano administrativo. Neste órgano, formado por 19 persoas, non van a estar representadas as deputacións provinciais. Esta exclusión é para o presidente do ente pontevedrés, Rafael Louzán, unha incongruencia froito do sectarismo político que está a practicar a Xunta.

    louzi_001200_.jpgSegundo Louzán a Deputación de Pontevedra é a institución dotada con máis medios humanos e técnicos para facer fronte a calquera tipo de emerxencia na nosa provincia. Motivo polo cal o popular considera básico que estivese dentro da axencia. Un órgano que Louzán tachou hoxe dun atropelo que prexudicará os intereses dos cidadáns, e que provocará a descoordinación entre as administracións. Louzán tamén dixo que só se conta coas deputacións cando hai que aportar financiamento, mentres que á hora da toma de decisións non se lles dá o dereito de opinión. O caso da nova Axencia Galega de Emerxencias, di o popular, é só un paso máis no proceso de exclusión das deputacións dos órganos controlados pola Xunta.

    Entre as funcións da nova axencia están a de desenvolver programas de protección civil, xestionar o centro de atención e os helicópteros do 112, ou por a disposición dos órganos competentes da Xunta os medios para a xestión de emerxencias de interese galego.

    Redacción Salnés