Acordo unánime no Parlamento para a recuperación do marisqueo na ría de Arousa

AROUSA> O Parlamento aprobou unha proposición non de lei presentada polo grupo socialista para poñer en marcha un plan de recuperación marisqueira na ría de Arousa. A iniciativa saíu adiante por unanimidade aínda que se retirou un punto sobre a dragaxe da ría a solicitude do PP.

A Comisión de Pesca do Parlamento aprobou unha iniciativa presentada polo PSdeG paa reclamarlle á Xunta un plan de recuperación da actividade marisqueira na ría de Arousa. Instan ó goberno autonómico a facer un estudo en profundidade sobre a caída da produción para adoptar as medidas necesarias para rexenerar os bancos.

Dende a oposición critican que a Xunta careza aínda dun plan integral de recuperación, máis aló das medidas puntuais e das axudas establecidas polo ISM que son insuficientes e non chegan a tódolos traballadores.

A iniciativa incluía tamén a solicitude de iniciar unha dragaxe gradual da ría que permitira avaliar o seu impacto real sobre a produción marisqueira. Este punto foi retirado a solicitude do Partido Popular.