RIBEIRA> O BNG rexistrou iniciativas no Concello e no Congreso para reclamarlle ó Goberno do Estado a cobertura do persoal de Correos, garantindo así un bo funcionamento do servizo.
Dende a formación sinalan que dos quince postos de traballo que deberan estar cubertos actualmente, apenas ó redor de oito persoas están en activo, porque non se cobren as baixas, as vacacións nin as vacantes.
Unha situación que provoca consecuencias negativas para veciñanza e persoal traballador, con atrasos reiterados na entrega da correspondencia e da paquetaría, sobrecarga de traballo para o persoal.
Na iniciativa o BNG tamén insta ó Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible a manter aberta a oficina de Correos de Aguiño no horario habitual, unha demanda clave para garantir a atención á veciñanza desta zona.
Dende o BNG lembran tamén que xa no ano 2022 se aprobaran por unanimidade no Concello iniciativas para mellorar o servizo de Correos, incluíndo a ampliación do horario da oficina, abrindo algunha tarde para atender á poboación ou ás empresas do municipio.











