RIBEIRA> Preocupados pola situación que se está a dar en Bandaurrío e despois de manter unha primeira xuntanza cun grupo de veciños residentes na zona, que lle trasladou os problemas existentes, derivados, na súa maior parte, dos problemas de drogadicción, os ruídos e a falla de seguridade.
Ante esta situación o executivo local vai acometer diferentes accións de cara a mellorar a actual convivencia no barrio.
A primeira delas será o incremento policial na zona co fin de disuadir calquera acto vandálico e delitivo ademais de levar a cabo un control exhaustivo do cumprimento de horarios por parte dos locais de ocio nocturno alí existentes.
O rexedor informou que o Concello está a traballar tamén no ámbito social para ofrecer alternativas ás persoas con problemas de drogadicción mediante a intervención da Unidade de Condutas Aditivas e dos educadores de rúa.
Por outra banda, o executivo ribeirense ten intención de levar adiante un programa de vivenda, co fin de facerse con determinados inmobles da zona, hoxe sen uso, destinalos a vivenda pública.











