‘Son de Estrelas’ busca en Boiro novas promesas da canción

    buscandoestrelas_100_11122007.jpgBOIRO > A produtora Voz Audiovisual recalou en Boiro na busca de participantes para unha nova edición do concurso da TVG, ‘Son de Estrelas’.

    Despois do éxito acadado durante a pasada tempada na TVG, a produtora Voz Audiovisual, iniciou hai varias semanas a busca de cantantes en tódalas comarcas de Galicia para unha nova edición de ‘Son de Estrelas’.

    Este martes tocoulle o turno ó Barbanza. As probas viñéronse desenvolvendo ó longo da mañá e da tarde na Casa de Cultura da Cachada en Boiro cunha máis que aceptable presenza de candidatos. En total presentáronse unhas 10 persoas, dunha media de idade entre os 25 e os 30 anos, das cales dúas correspondían a representantes da emigración.

    Entre os candidatos que se presentaron figuraba Patricia Fernández, en representación da comarca de Noia, que interpretou o tema ‘Quixera’ de Prudencio Romo, un dos fundadores dos Tamara.

    Para participar nas probas non é necesario ter experiencia, o único requisito é saber cantar en galego e ser maior de 16 anos. Ademais no concurso non só se valora saber cantar ben, senón que tamén se teñen en conta outras cuestións como a simpatía, as dotes comunicativas ou mesmo os sacrificios realizados coa finalidade de poder acadar un soño.

    Os cástins terán continuidade o mércores no Tatro Jofre de Ferrol, o xoves en Sarria e o venres en Foz. Das probas de seleccións sairán un total de 53 candidatos, un por cada comarca galega, así como tamén un representante da emigración. Os interesados en participar no cásting poden chamar ó teléfono 680306565 ou ben no correo electrónico sondeestrelas@vozaudiovisual.com.

    {flowplayer}barbanza/buscandoestrelas.flv{/flowplayer}

    Redacción Barbanza