Rianxo recupera para o patrimonio municipal un cadro de Manuel Rodríguez Castelao

RIANXO> Trala súa recuperación para o patrimonio municipal, Rianxo exporá o cadro de Manuel Rodríguez Castelao. Esta pintura, que recolle unha paisaxe da vila rianxeira, permanecerá no salón de plenos xunto con outras dúas pezas: un debuxo de Castelao e un poema de Manuel Antonio.

As xestións realizadas pola asociación de patrimonio galego e a xenerosidade do propietario, que prefire permanecer no anonimato, permitiron recuperar para o patrimonio de Rianxo este cadro, obra de Manuel Rodríguez Castelao, curmán do ilustre escritor.

Xunto cun poema manuscrito de Manuel Antonio, cedido polo historiador Xesús Santos e un debuxo orixinal de Castelao, conformará unha pequena mostra que poderá visitarse proximamente no salón de plenos do concello.

Máis aló da calidade artística da obra, que formaba parte dunha exposición conxunta desenvolvida na Coruña en 1923, o alcalde destacou o valor simbólico da obra que se atopa en moi bo estado de conservación. O título ‘Dúas paisaxes de Rianxo’ fai pensar na existencia dun cadro complementario do que, polo momento, se descoñece o paradoiro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí