Noia celebra a súa tradicional feira cabalar como peche do San Marcos

    NOIA> Cheo total no día grande das Festas de San Marcos que celebrou a súa tradicional feira cabalar. O bo tempo animou a miles de afeccionados ó mundo ecuestre que se deron cita en San Lázaro para asistir ós concursos de pura raza e de cabalos cruzados así como ós numerosos espectáculos e exhibicións de doma que se desenvolveron durante toda a xornada. Tamén na mesma explanada instalouse a feira de maquinaria agrícola. O bo ambiente desta última xornada festiva puxo o broche de ouro a unhas celebracións do máis concorridas que tiveron como prato forte a actuación do mítico grupo Seguridad Social que arrancaba o cartel dos concertos o pasado venres. Unha das principais novidades das festas deste ano foi a gran foliada do sábado coa participación dunha decena de agrupacións de gaiteiros. Tamén o sábado tiña lugar unha das actividades xa consolidadas do San Marcos: o certame de pintura ó aire libre cuxo primeiro premio foi parar ó sevillano Abraham Pinto seguido da artista local Rosana Calvo. As celebracións chegarán esta noite á súa fin co concerto de Treixadura na Praza do Tapal e a verbena amenizada pola París de Noia.