Portos salda unha débeda histórica con Cabo de Cruz licitando o novo dique

    portocabo_100_181207.jpgBOIRO > Portos de Galicia vén de sacar a concurso as obras de construción da nova dársena náutico-deportiva de Cabo de Cruz.

    O anuncio de licitación foi publicado hoxe no Boletín Oficial do Estado e nos vindeiros días sairá no Diario Oficial de Galicia. Con esta actuación, Portos de Galicia salda unha débeda histórica cos veciños de Cabo de Cruz, xa que a obra acumula un retraso de máis dunha década.

    O proxecto, que foi licitado por un importe de algo máis de 10 millóns de euros e un prazo de execución de 24 meses a contar dende o inicio das obras, posibilitará a ampliación da actual dársena para que se poida dispoñer dunha zona de abrigo cunha extensión de 200 mil metros cadrados, xa que na actualidade a dita franxa abarca tan só unha superficie de aproximadamente 30 mil metros.

    As obras consistirán fundamentalmente na prolongación do dique actual, que verá incrementada a súa lonxitude nuns 405 metros, habilitándose tamén un contradique de 605 metros. Para construír a ampliación do dique existente e dar continuidade ó mesmo, prevese a demolición de 167 metros de espaldón do dique actual así como tamén a recolocación e retirada das pedras da berma da escolleira.

    A nova dársena náutico-deportiva proxectada, tamén servirá de abrigo á actual dársena pesqueira, xa que a dota dunha zona máis ampla de protección para os ventos do norte e do nordeste.

    O alcalde boirés, Xosé Deira, valorou hoxe positivamente a nova, xa que segundo el parece que por fin esta actuación vai saír adiante. O rexedor local sinalou tamén que esta obra vén a se-lo resultado de moitos anos de espera.

    {flowplayer}barbanza/portocabo.flv{/flowplayer}

    Redacción Barbanza