BARBANZA> O orzamento da Deputación da Coruña para o ano 2016 ascenderá a preto dos 176 millóns de euros, o que supón un incremento porcentual do 2,5% respecto ós do ano anterior. Segundo explicou esta mañá o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, na súa presentación, trátase duns orzamentos austeros, rigorosos e socialmente sensibles cun marcado carácter municipalista, tendo coma factor clave o mantemento e a creación de emprego. A maior parte do investimento irá a parar ó Plan de Obras e Servizos, o Plan de Acción Social ou o Plan de Aforro e Investimentos. Entre as principais partidas do orzamento destacan os máis de catorce millóns de euros que a Deputación destinará á area de Promoción Económica, Turismo e Emprego, e os máis de dez que irán a parar a Acción Social, para o fomento de políticas de igualdade. Soben tamén as achegas en Vías e Obras, superando os vinte un millóns de euros e as partidas para Cultura e Deportes que superarán os quince millóns de euros. Mañá venres serán sometidos á súa aprobación no transcurso da sesión plenaria da corporación provincial.
Inicio Barbanza - Muros - Noia